Saturday 27 de April de 2024

Noia conmemora a primeira sentenza ditada en galego nos seus xulgados


 

O alcalde, Santiago Freire, destaca o papel das Administracións Locais na promoción e impulso do uso do galego

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Noia acolleu esta mañá un acto conmemorativo da primeira sentenza en lingua galega ditada neste partido xudicial, que abrangue os municipios de Noia, Lousame e Porto do Son. Un acto organizado pola Irmandade Xurídica Galega e pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Turismo e o Concello de Noia.

Ao acto asistiron a maxistrada Lorena Tallón García, que o 3 de decembro de 2015 ditou a primeira sentenza en galego do Partido Xudicial de Noia; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; os alcaldes de Noia, Santiago Freire; e Porto do Son, Luís Oujo; o tenente de alcaldesa de Lousame, Ramón Martínez; o presidente da Irmandade Xurídica Galega, Xoaquín Monteagudo; e os letrados Tania Castro e Jacob Del Río, así como persoal do Xulgado.

Todos eles participaron no descubrimento dunha placa conmemorativa na entrada do inmoble do Xulgado que recolle: “o día 3 de decembro de 2015, o Xulgado de 1ª Instancia e Instrución de Noia ditou a súa primeira sentenza en lingua galega. En recoñecemento ao traballo do persoal do Xulgado e operadores xurídicos que contribúen a normalizar o noso idioma no ámbito xudicial”.

Intervencións

Santiago Freire, que falou en nome dos tres concellos do partido xudicial, destacou que “temo que promover e seguir impulsando a utilización do galego pola vía da sedución, non da imposición”. Neste sentido, destacou que os Concellos son os entes administrativos onde o uso do galego está máis normalizado. “Agora estamos traballando para que as Policías Locais realicen as súas denuncias e o seu traballo tamén en galego. Todos os pasos que demos nese sentido serán positivos. O certo é que na Administración Local a implantación do galego é moito maior ca na Administración Xurídica e, como representante dos tres concellos, podo confirmar que seguiremos traballando nesa liña para promover o uso do galego”, concluíu Freire Abeijón.

Valentín García coincidiu en que “a Administración á que máis lle foi negado o acceso ao galego foi a da Xustiza. Hoxe podemos dicir que a Administración Local foi unha das primeiras en galeguizarse, dunha forma que sorprendeu incluso aos que traballamos todos os días na Normalización Lingüística. Incluso administracións como a sanitaria, que precisa dunha lingua tan precisa”. Así mesmo, gabou o traballo dos que se esforzan día a día “para que as persoas galegofalantes que chegan aos xulgados se decatan inmediatamente de que o seu idioma é benvido e que poden empregalo con total liberdade e garantías”. Ademais, entregou un exemplar de “Sempre en Galicia” a Xoaquín Monteagudo, que hoxe se xubila.

Lorena Tallón amosou a súa “inquedanza” polo feito de que “este acto responde a esa situación de anomalía que vive a lingua galega, que persiste no tempo”. Neste sentido, lembrou que a Constitución estableceu a cooficialidade das dúas linguas, castelán e galego, pero que “hoxe, corenta anos despois, non fomos quen de superar esa situación de diglosia, pese aos esforzos que se realizaron tanto dende colectivos privados como dende a propia Administración”.

Tallón García apuntou que “na Administración Xudicial, o emprego do galego na escrita é algo absolutamente residual, tristemente. Neste contexto, ademais das políticas públicas, é preciso un compromiso persoal. Eu obrigueime a tomar posición sobre este tema e decidín ser consecuente e empregar o galego no exercicio da miña profesión”. “Cando cheguei a Noia hai 3 anos atopeime cun contexto no que o galego na fala se empregaba con habitualidade, pero na escrita non era así con carácter xeral. Pero, teño que recoñecer que había funcionarios e letrados, que hoxe están aquí, que empregaban o galego na escrita”, destacou a maxistrada.

Sobre a primeira sentenza en galego, Lorena Tallón destacou que foi un feito “que pasou inadvertido, incluso para min mesma. Non fun consciente naquel momento de que era a primeira sentenza que se estaba a ditar en galego no partido xudicial de Noia. A data da sentenza constitúe en si mesma unha constatación desa situación anómala: 2015 está á volta da esquina e non deixa de ser profundamente sorprendente que tiveramos que agardar a esta data para ter unha resolución xudicial en galego”.

Finalmente, Xoaquín Monteagudo puntualizou que “non podemos botarlle a culpa da situación do galego só aos políticos ou ás administracións. Hai un factor moi importante, que é o humano, que sen el non se avanzará na normalización do uso do galego como lingua xurídica e como lingua administrativa”. Tamén destacou “o papel dos Concellos na consolidación do galego como lingua xurídica e administrativa, no prestixio da lingua ao esixilo como requisito para o acceso á función pública… Os Concellos foron á vangarda da normalización e aproveitamos para pedirlles a súa colaboración unha vez máis no que se refire á galeguización dos procesos xudiciais” nos que participen os municipios